Tódalas novas

Compostela acolleu un encontro arredor do xornal El Pueblo Gallego no ano do seu centenario

Compostela acolleu un encontro arredor do xornal El Pueblo Gallego no ano do seu centenario

O sábado 27 de xaneiro cúmprense cen anos da saída do primeiro número do diario vigués El Pueblo Gallego, un xornal que apareceu na ditadura de Primo de Rivera e que se converteu co tempo nun dos diarios máis relevantes de Galicia. Con motivo de rememorar o seu nacemento e o seu vínculo con Castelao, esta mañá a sala 1 da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura acolleu o Encontro de expertos para avaliar a contribución de El Pueblo Gallego na historia da lingua e da cultura galega entre os anos 1924 e 1936. Unha xuntanza organizada pola Fundación Castelao e financiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que contou coa colaboración do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), da asociación Flor de Santiago e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, inaugurou a sesión, na que participaron Cristina Rubal González, subdirectora xeral de bibliotecas; Xosé López García, catedrático de xornalismo na USC; Emilio Grandío Seoane, catedrático de Historia Contemporánea na USC; Armando Requeixo, investigador, profesor da USC e crítico literario e Miguel Anxo Seixas Seoane, investigador e Presidente da Fundación Castelao.

Castelao e El Pueblo Gallego 

O domingo 27 de xaneiro de 1924 publicouse en Vigo o primeiro número do diario de El Pueblo Gallego. Trátase dun xornal moderno con numerosa información e abundantes páxinas e que se tentou distribuír por toda Galicia. Amais de ter bos e prestixiosos colaboradores de fóra de Galicia, case toda a intelectualidade galega participou neste xornal: a xeración de 1916 (Antón Villar Ponte, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, …) e os novos escritores (Luís Peña Novo, Rafael Dieste, Xesús Bal y Gay, Cunqueiro…). O seu colaborador gráfico máis destacado foi Carlos Maside.

Castelao mantivo una relación coa prensa galega desde 1908, cando publicou os seus primeiros debuxos en La Tribuna Literaria e en Gaceta de Galicia, sendo estudante de medicina en Santiago de Compostela. Logo foi Castelao o humorista gráfico de Galicia moza e Vida Gallega de Vigo desde 1909. Foi, asemade, ilustrador na prensa de Madrid en 1909. Con todo, Castelao continuará a comunicarse cos lectores e coas lectoras de Galicia a través do debuxo humorístico desde 1917 en El Ideal Gallego, da Coruña; e en A Nosa Terra e, desde 1918, en El Sol de Madrid e de El Noroeste de A Coruña.

O Castelao narrador asomou en novembro de 1918 en A Nosa Terra co relato “Peito de lobo”. El foi o creador do microrrelato en galego. A conxunción do debuxo e do relato agromou o 30 de novembro de 1920 na revista Nós co que el denomina “cousa”: esta primeira narración ilustrada da revista Nós titularase “A tola do monte”.

Castelao, que era o colaborador gráfico de Galicia de Vigo desde o 25 de xullo de 1922, non se puido integrar en El Pueblo Gallego en 1924. Unha vez que desapareceu o xornal Galicia de Vigo, que dirixía Valentín Paz Andrade, en 1926 si que o fixo Castelao como escritor literario, pois Castelao era o colaborador gráfico de Faro de Vigo. Por iso a súa colaboración como escritor foi desde o 17 de outubro de 1926 co relato “O pai de Migueliño”. Case todas as súas achegas son relatos e en total son vinte e cinco aos que hai que lle sumar tres capítulos en 1927 da novela en elaboración Os dous de sempre publicada en 1934. O derradeiro dos relatos que publicou foi “O señor Antón”, o 10 de xullo de 1927. Como ilustrador colaborou con dúas achegas: un cartel de publicidade do propio xornal e cun só debuxo humorístico.

A colección impresa de El Pueblo Gallego consérvase no Arquivo Municipal de Vigo e outra na Biblioteca Pública de Pontevedra. En Galiciana, a Biblioteca Dixital de Galicia, hai unha reprodución deste xornal procedente de Pontevedra.

A Fundación Castelao organizou esta xuntanza grazas ao financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

info@fundacioncastelao.gal
Rúa do Hórreo, 37, baixo, local 8.
15702 Santiago de Compostela
Aviso Legal
Deputación da Coruña
Xunta de Galicia
Dirección e deseño web: Pepe Barro
Edición web: estudiocaravana