A Fundación Castelao, en colaboración coa Fundación Uxío Novoneyra e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, presentou o xoves 27 de xuño unha edición conmemorativa dos 40 anos do retorno de Castelao a Galicia, deseñado por Niko Alvarellos, con forma de facsímile co documento “Castelao, Nacionalista Galego” de Uxío Novoneyra e a súa transcrición, acompañado dun estudo histórico de Miguel Anxo Seixas Seoane e unha carta de Tareixa Navaza, coas lembranzas daquela xornada histórica. O acto tivo lugar nas Escalinatas de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Interviñeron representantes das fundacións responsábeis da iniciativa, xunto ao Secretario Xeral da Lingua, Valentín García Gómez. Esta iniciativa enmarcouse no programa de actos do 40ª aniversario da Volta de Castelao a Galicia.