O venres 31 de outubro inaugurouse ás 20.00 h no Espazo Isaura Gómez a exposición “Castelao de ‘Sempre en Galiza’ ao Consello de Galiza 1934-1944”, unha mostra organizada pola Fundación Penzol e a Cátedra Castelao da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Concello que recolle cronoloxicamente a actividade literaria e política do escritor desde os primeiros artigos publicados no desterro extremeño ata a fundación do Consello de Galiza en 1944, do que foi primeiro presidente.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, sinalou que “esta exposición é unha oportunidade única para que Tomiño coñeza de primeira man a traxectoria dun dos grandes referentes da nosa cultura. Cada actividade que organizamos en torno a Castelao axuda a manter vivo o seu legado, dende a literatura á política e á arte”.
Unha homenaxe que chegou tamén ao mundo artístico e visual cun mural dedicado a Castelao que xa se pode contemplar na Avenida de República Arxentina. Obra do artista vigués Pedro Gonzalo, "Beis" gañador do Concurso de Pintura Mural Castelao convocado polo Concello, o mural percorre visualmente as diferentes etapas creativas do escritor e inclúe un retrato reinterpretado en estilo realista. A paleta cromática, centrada en tons azuis, evoca a bandeira galega, o mar e a identidade de Galicia, mentres que as escenas dialogan co estilo contemporáneo de Beis, con trazos soltos e xestuais, reivindicando a vixencia de Castelao como referente cultural.
Fonte: Concello de Tomiño
Ao evento acudiu, tamén, o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, que interviu en representación desta entidade falando dos aspectos máis salientables do intenso e extenso facer do ilustre galego tanto no eido intelectual, coma no político, artístico e social.
Ano Castelao Descubre Castelao