A exposición sobre a presenza de Castelao na cidade da Coruña é de contido fundamentalmente visual, con imaxes de grande formato e pequenos textos alusivos, que remarcarán os principais fitos que relacionan a Castelao coa cidade:
á Coruña, cidade republicana e galeguista, achegouse Alfonso Daniel Rodríguez Castelao entre 1906 e 1936. Participou en 1906 como tuno para recadar diñeiro para o dispensario antituberculoso. Expón obra pictórica en 1912. En Pontevedra formou parte desde 1917 das Irmandades da Fala fundadas en 1916 na Coruña. Colaborou desde 1917 na prensa aquí editada: El Ideal Gallego, A Nosa Terra e El Noroeste.
Expón de novo en agosto de 1917 na segunda Exposición de arte galega. Imparte en 1919 a conferencia Arte e galeguismo. Exhibe, en 1920, por primeira vez o álbum Nós e le un texto literario “Humorismo, dibuxo humorístico, caricatura” que inclúe o seu célebre relato “Memorias dun esquelete” (Un ollo de vidro).
Participa xa na Ditadura de Primo de Rivera, o 27 de abril de 1930, na IV Asemblea nacionalista das Irmandades da Fala na rúa Real, 36, na Coruña. Asiste para actuar coa Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra en maio de 1930. Participa, xa na República, o 4 de xuño de 1931 na
asemblea para aprobar as bases para elaborar o Estatuto de Autonomía para Galicia.
Deputado galeguista nas Cortes constituíntes, desde o 28 de xuño de 1931, pronuncia na Coruña en xuño de 1932 unha conferencia no salón Doré.
Volverá para pronunciar un mitin galeguista o 17 de xuño de 1934. Ingresa na Real Academia Galega o 25 de xullo de 1934. Ese mesmo día de 1935 asiste á
inauguración da estatua dedicada a Manuel Curros Enríquez. Deputado do PG desde febreiro de 1936 acode apesarado ao enterro do deputado do PG e escritor Antón Villar Ponte falecido o 4 de marzo de 1936. Aquí comezou a gran campaña o 7 de xuño de 1936 a favor do Estatuto de Autonomía. Aquí, na Coruña, segue a súa pegada artística e literaria e o seu exemplo político e ético desde que se implantou a democracia e un Estatuto de Autonomía polo que tanto loitou.
Neste 75 cabodano de Castelao, A Coruña súmase a ese común recoñecemento de todos a Castelao,
símbolo indiscutible de Galicia.
A exposición inaugurouse o 13 de novembro de 2025 na Praza de Lugo (A Coruña), onde permanecerá ata o 1 de decembro do mesmo ano.
Na fotografías 1 (de Xurxo Lobato) e 2 (do Concello da Coruña), en sentido lector: Mercedes Queixas Zas (Concelleira no Concello da Coruña polo BNG) , Roberto Coira (Concelleiro no Concello da Coruña polo PP) , Miguel Anxo Seixas Seoane (Presidente da Fundación Castelao), Valentín García (Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia) e Gonzalo Castro (Concelleiro de Cultura).