All news

Conmemoramos o 74º aniversario do pasamento de Castelao na Igrexa de San Domingos de Bonaval

Conmemoramos o 74º aniversario do pasamento de Castelao na Igrexa de San Domingos de Bonaval

O domingo 7 de xaneiro a Fundación Castelao conmemorou o setenta e catro aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, no Panteón de galegas e de galegos ilustres, na Igrexa de San Domingos de Bonaval, en Compostela. 

Tal día como hoxe, falecía, fai setenta e catro anos, o mestre Castelao en Bos Aires. Para conmemoralo celebramos un acto no que entre outras, contamos coa presenza da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; e do Director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. 

Diana Santiago, Secretaria da Fundación, foi a responsábel de presentar e moderar o acto. Na súa intervención, o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, lembrou as diferentes efemérides que este ano temos por diante e que celebraremos desde a Fundación Castelao, como os 100 anos do comezo de As cruces de pedra na Galiza, o 40 aniversario do traslado dos restos de Castelao desde Buenos Aires ata Compostela, a celebración do 80 aniversario da publicación de Sempre en Galiza e do Consello de Galiza ou por exemplo, o festexo da a primeira tese de doutoramento escrita en galego, por María Teresa Otero Sande, unha «contribuición a un estudo da narrativa de Castelao», defendeu Seixas.

A cantante galaicopalestina Najla Shami

A voz da cantante galaicopalestina Najla Shami inundou Igrexa de San Domingos de Bonaval, que acompañou a orixinal ofrenda floral e rematamos coa interpretación do Himno Galego. Deseñada por "Anaquiños de papel" e inspirada no "pano de Maruxa", de Castelao, a ofrenda deste ano tivo un agarimo especial. O pano é un dos que o artista deseñou para Pimpinela, a rapaza bonita que tolea cos panos de cores na obra “Os vellos non deben de namorarse”, escrita na cidade de Nova York. Así, a deseñadora Uqui Permui, en representación da Fundación Castelao, realizou a ofrenda floral acompañada da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; do Director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e dunha das amigas da Asociación Traxe Galego. 

Para pechar o acto, compartimos un chocolate quentiño no claustro da Igrexa, unha despedida doce organizada por Airas catering. 

Na igrexa
info@fundacioncastelao.gal
Rúa do Hórreo, 37, baixo, local 8.
15702 Santiago de Compostela
Aviso Legal
Deputación da Coruña
Xunta de Galicia
Direction and Web Design Pepe Barro
Web Edition estudiocaravana