All news

A Fundación Castelao celebrou o 80 aniversario de Sempre en Galiza no Museo de Pontevedra

A Fundación Castelao celebrou o 80 aniversario de Sempre en Galiza no Museo de Pontevedra

En marzo de 1944 publicouse en Bos Aires o ensaio Sempre en Galiza, obra de referencia do pensamento político de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Ao cumprírense 80 anos daquela data, celebramos unha xornada de conferencias e unha mesa redonda para conmemorar a publicación. A xornada estivo dirixida por Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao; formando parte do comité científico e organizador: Miguel Anxo Seixas Seoane, Diana Santiago Iglesias, Ruth Varela, Uqui Permui Martínez e Noelia Gómez Calvo. A actividade está financiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra.

Castelao viña elaborando Sempre en Galiza desde 1934, pero non veu a luz ata dez anos despois, cando o intelectual galeguista estaba xa exiliado en Arxentina. O manuscrito orixinal desta obra de referencia consérvase no Museo de Pontevedra, así como as sucesivas edicións realizadas en Bos Aires, Madrid e Vigo. Por iso, e ao cumprirse o 80 aniversario da súa edición, reunímonos no mesmo lugar no que se conserva o manuscrito deste clásico do galeguismo para afondar no seu estudo e valoración.

Cronoloxía do encontro

Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, inaugurou a sesión. A xornada comezou cunha conferencia a cargo da directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve Jar, que falou do retorno da obra de Castelao a Pontevedra. Xosé Manuel Dasilva, catedrático do departamento de Tradución e Lingüística na Universidade de Vigo, impartiu o relatorio “As edicións, as prohibicións e as censuras de Sempre en Galiza”. A terceira conferencia da tarde estivo a cargo da profesora Natalia Crecente García, da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, que afondou no do papel de Castelao na construción dunha tipografía galega. Pechou as intervencións Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, coa conferencia “De non sempre en Galiza a Sempre en Galiza”.

Posteriormente, tivo lugar unha mesa redonda que xuntou ás persoas relatoras das catro conferencias, moderada por Uqui Permui, en representación da Fundación Castelao.

Visita guiada

Para pechar o evento, o público asistente puidemos participar nunha visita guiada á exposición permanente de Castelao e á exposición temporal “Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa. Fotografías”, conducida por Xosé Enrique Acuña, comisario da mostra, e Xan Carballa, autor das fotografías.

Autoría das fotografías: Gustavo Santos

info@fundacioncastelao.gal
Rúa do Hórreo, 37, baixo, local 8.
15702 Santiago de Compostela
Aviso Legal
Deputación da Coruña
Xunta de Galicia
Direction and Web Design Pepe Barro
Web Edition estudiocaravana