presidente2Benvidos a esta páxina na que tentaremos de poñervos en contacto coa obra e o pensamento de Castelao, home esencial, que sobranceando por riba de continxencias persoais, históricas ou políticas, foi quen de sementar ideas, facer agromar ideais, diagnosticar galegas enfermidades e ofrecer cura para ás eivas da súa terra.

Como poderedes ver nesta páxina, Castelao mirou Galicia e non lle gustou o que viu. Pero en troques de deitarse na queixa, actitude fácil, púxose a tarefa de remediar os atrancos e as eivas que impedían o soerguer dun país por veces esquecido de si mesmo.

E fíxoo con carraxe e valentía, loitando contra a enfermidade, a guerra, o exilio e mesmo contra a incomprensión, cando non a insolidariedade e o esquecemento. E con tódalas súas forzas loitou a prol de Galicia coas armas democráticas da palabra, da escrita e do debuxo, sen botar man da violencia e sen reclamar pretendidas superioridades. Só solicitou liberdade: a liberdade era para el un campo de actuación e a condición inescusable para o exercicio da dignidade .

Non gustou Castelao das visións parciais de Galicia e por iso, e mesmo admirando as visións poéticas do noso país, non se permitiu esquecer a realidade. Mirou Galicia e non quixo aceptar a idea de Galicia como simple rexión administrativa espida de ilusión e de futuro nin como bretemoso recanto xeográfico acaroado o mar océano; un sitio misterioso onde remata a terra e principia o alén. Négase a considerar a Galicia coma un país fantasmagórico, instalado no mundo da fantasía construído cós materiais da lembranza e a resignación.

Ben se decatou que a fantasía e o mito poden ser bos e mesmo necesarios para a comprensión dun país, pero nunca deben utilizarse para acochar realidades punxentes: a realidade que Galicia era unha nación asoballada que vivía atoutiñando no escuro do esquecemento o camiño choído do seu destino. Decatouse tamén que ó mirar Galicia, en troques de observar a luz potente dunha historia rexa, só percibía o morno escintileo dun país que quixo ser e non puído. Esmagado polos de fóra e esnaquizado polos de dentro, ficou sen historia propia e viviu e padeceu unha historia allea escrita noutra lingua.

E así como o canteiro co punteiro e o mazo vai descubrindo a cara ou a flor que se acocha dentro do perpiaño, así Castelao, co punteiro da intelixencia e o mazo da retesía, vai debuxando na súa obra o que debe ser e o que debemos facer se queremos un país vivo. E podemos escolmar tres aspectos primordiais que regan todo ó seu pensamento: o desequilibrio económico causado pola dependencia de intereses alleos; o desequilibrio social causado pola submisión ante o poder e que permite a existencia dun potente armazón caciquil; o desequilibrio político que mide a discordancia entre o que é Galicia e o que representa no concerto español.

A alturas de hoxe convén volver a mirar a Galicia, á Galicia de hoxe, coa mirada de Castelao. Crítica e agarimosa, ilusionada e prudente, rexa e pacífica, que nos invita a traballar cós outros en tarefas comúns coa única condición de face-lo en pé de igualdade.

E dende esta páxina tentaremos fornecer, ós que queiran seguirnos neste camiño debuxado por Castelao, o instrumental necesario para estudar o seu pensamento, gozar da súa escrita e recrearnos na súa arte. É dicir, para entre todos construírmos unha Galicia mellor.

Carlos Mella
Presidente da Fundación Castelao.