No ano 1984, un grupo de amigos persoais, compañeiros, discípulos e simpatizantes da figura enteira de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao decidimos crear unha Fundación que levara o seu nome, coa finalidade de manter a lembranza viva da súa ilustre personalidade, como home polifacético –artista, escritor, político– e nomeadamente como paradigma ético, nunha vida entregada ó servizo de Galicia.

Para isto, xuntámonos á beira de Ramón Martínez López, compañeiro e amigo de Castelao, un grupo de persoas dispostas a colaborar con el na tarefa de levar adiante tal proxecto, despois da repatriación dos restos mortais do ilustre rianxeiro ó Panteón de Galegos Ilustres.

Ramón Martínez López chamou persoalmente a cantos pensou que lles gustaría integrarse como membros fundadores e así foron xurdindo os oitenta e un nomes dos membros fundadores que, o 28 de decembro de 1984, asinamos ante notario a acta de constitución e os Estatutos da Fundación Castelao.

No artigo 5º do texto estatutario dicíase: "A fin da Fundación é a de estimular e favorecer a cultura galega en xeral e, en particular, o fomento das artes plásticas, etnografía, socioloxía, economía e política galegas, narrativa e teatro, campos en que tanto se distinguiu o xenio de Castelao. O medio de expresión será a lingua galega". O 29 de abril de 1985 a Fundación Castelao foi declarada "de interese galego con carácter cultural", por Orde da Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia.

A primeira Xunta Rectora elixiuse na asemblea celebrada o 22 de xuño de 1985. Tareixa Rodríguez Castelao sería designada presidenta de honra e Ramón Martínez López, presidente.

Nun primeiro momento a Fundación Castelao celebraba as súas xuntanzas no Museo do Pobo Galego, en Santiago, ou no rianxeiro Pazo de Martelo, onde pasou a celebrarse unha asemblea anual, arredor da data emblemática do 30 de xaneiro. A Fundación dotouse tamén dun local social na Rúa do Hórreo, en Compostela.

O labor desenvolvido dende a súa creación consistiu na evocación das datas importantes na vida de Castelao (7 de xaneiro –morte–, 30 de xaneiro –nacemento–, 25 de xullo –Día da Patria Galega–), e a celebración dunha chea de actos durante o ano 1986, Centenario de Castelao. Traballouse para darlle a esa efeméride o maior relevo, lembrando a súa vida e obra , e solicitouse, xa no ano 1985, do presidente da Xunta de Galicia a declaración de 1986 como Ano de Castelao.

Entre os días 24 e 29 de novembro de 1986 celebrouse o Congreso Castelao, na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago. Na súa organización contouse coa colaboración da propia Universidade e da Consellería de Cultura e, no ano 1989, publicáronse as Actas do amentado Congreso, editadas pola USC, que recollen en dous tomos os importantes traballos de investigación desas xornadas.

Na primavera de 1992 tiveron lugar as I Xornadas sobre Castelao na Facultade de Filoloxía da USC –que continuaron en sucesivas edicións e que se recolleron nos Cadernos Castelao, iniciados no 1994–, tentando achegar a figura do polígrafo e líder galeguista ó mundo universitario.

Dende o seu nacemento a Fundación Castelao é unha entidade aberta ás novas incorporacións de persoas e entidades cun sentir galeguista. Xentes que viven na Terra ou na emigración, da Galicia territorial e da Galicia exterior.

X.Amancio Giraut.
Secretario da Fundación Castelao, 1990-1999.

PRIMEIRA XUNTA RECTORA DA FUNDACIÓN CASTELAO

Xunta Rectora da Fundación Castelao elixida o 22 de xuño de 1985 na asemblea xeral celebrada no Museo do Pobo Galego.

Presidenta de Honra: Teresa RODRÍGUEZ CASTELAO.
Presidente: Ramón MARTÍNEZ LÓPEZ.
Secretario: Avelino POUSA ANTELO.
Vocais: X. Amancio LIÑARES GIRAUT.
Gustavo SANTIAGO VALENCIA.
Sr. Alcalde do Ilmo. CONCELLO DE RIANXO
(Xosé BRAVO FRIEIRO).
Xaquín LORENZO FERNÁNDEZ.
Daría GONZÁLEZ GARCÍA.
Isaac DÍAZ PARDO.
Fernando QUINTELA NOVOA.
Alfonso ZULUETA DE HAZ.
Pedro GONZÁLEZ LÓPEZ.
Manuel CAAMAÑO SUÁREZ.
Manuel BEIRAS GARCÍA.
Francisco Javier BALTAR TOJO.
Francisco LÓPEZ FRANCO.
Miguel Anxo SEIXAS SEOANE.
Laureano ÁLVAREZ MARTÍNEZ.
Roberto GARCÍA AMIGO.
Roxelio RODRÍGUEZ DE BRETAÑA.