Castelao político

Os eixes do seu ideario son a mellora das condicións de vida do pobo e o logro do maior grao de autogoberno para Galiza. Ao ser elixido deputado, en 1931, Castelao entra na política activa e supera o papel de «o noso xenial artista». Desde entón copilota o Partido Galeguista con Alexandre Bóveda e coa Fronte Popular gañan as eleccións de 1936, conseguindo o Estatuto de Autonomía.

O símbolo das Irmandades da Fala e logo do Partido Galeguista é a fouce e a estrela branca, acompañadas da bandeira galega. Debuxo de Castelao de 1938, pormenor do debuxo de técnica mixta Galegos de América: compride a manda dos vosos mortos! Colección privada de Nova York.

A nosa terra portada

»» Son a penas duascentas persoas e Castelao está entre elas: son os nacionalistas galegos que en 1916 crean as Irmandades da Fala e botan a andar un proxecto político que cambia a historia contemporánea de Galiza.

Coa instauración da República

»» Coa instauración da República no Estado Español, en 1931, os galeguistas das distintas tendencias crean o Partido Galeguista, que terá como eixe central do seu programa a consecución do Estatuto de Autonomía para Galicia, cousa que conseguen en 1936, tras formar parte da Fronte Popular, que gaña as eleccións e convoca un referendo o día 28 de xuño de 1936. Na fotografía, fundación do Partido Galeguista, Castelao está ao fondo, de pé, o primeiro pola dereita da foto.

vota o estatuto

»» Castelao riscou deseños pro Estatuto de Autonomía para Galiza desde 1932 e logo debuxos na prensa. Este é un dos temas repetidos na campaña de xuño de 1936, executado por Isacc Díaz Pardo.

aprobamos o estatuto

»» O 99,24% dos electores aproba o Estatuto de Autonomía para Galiza. Resultados das votacións do refrendo, celebrado o día 28 de xullo de 1936, publicados no xornal A Nosa Terra, voceiro do Partido Galeguista.
Fotografía de Lameiro no Museo de Pontevedra.

Consello de Galiza

»» En 1944 constitúese no Ateneo de Montevideo o Consello de Galiza, entidade que agrupa os deputados galegos coa finalidade de dotar a Galiza dun Goberno no exilio. Foron membros: Antón Alonso Ríos, Elpidio Villaverde e o propio Castelao, que o presidiu; logo sumaríase Alfredo Somoza. A bandeira do Consello foi a reproducida sobre estas liñas, coa que un grupo de galegos en Buenos Aires agasallara a Castelao.
Reprodución por cortesía da Real Academia Galega.

Durante a Guerra Civil

»» Durante a Guerra Civil e logo no exilio, Castelao ten unha incesante actividade, tentando que as Cortes republicanas, reunidas en Montserrat en 1938, aproben o Estatuto Galego, cousa que consegue, tras moitos atrancos na sesión das Cortes celebrada en México en 1945.
Na fotografía, mitin en Montevideo.

ministro do goberno

»» En 1946 Castelao foi nomeado ministro do Goberno Republicano no exilio, presidido por José Giral, residindo en París entre 1946 e 1947. O ministro galeguista está na segunda fila, o primeiro pola dereita, visitando a Unesco co goberno. Na primeira liña, á esquerda, Pablo Picasso.

Sempre en Galiza

Sempre en Galiza
1944
Ensaio político
Velaquí o texto fundamental do galeguismo, no que Castelao reúne diversos artigos, discursos e arengas, que constitúen o seu ideario político. As primeiras edicións realizáronse en Buenos Aires, chegando á Galiza clandestinamente. A censura da ditadura non autorizou a súa edición. En Madrid sería editado en 1976, despois da morte do ditador Franco. Na Galiza non se edita até 1986.

«Os nacionalistas galegos [...] defendemos, como principio xeral, a soberanía de toda-las nacionalidades e reclamamos para Galiza as garantías do seu libre desenrolo e da súa fecundidade».

«Estas ideas poden concretarse nos catro principios seguintes:
a) Autonomía integral de Galiza para federarse cos demais pobos de Hespaña.
b) República Federal Hespañola para confederarse con Portugal.
c) Confederación Ibérica para ingresar na Unión Europea.
d) Estados Unidos de Europa, para construir a Unión Mundial.».