Castelao escritor

A súa poética literaria vai ser a da súa arte gráfica: «faguer cousas sintéticas —tan sintéticas que xa non poidan seren máis—». Ten como referencia o conto tradicional e elixe un vocabulario popular, pero enche de ritmo e e sentimento os relatos. Constrúe as narracións con linguaxe realista, pero achega modernidade co lirismo e o humorismo, producindo no lector unha grande emoción.

«Unha lingua é máis que unha obra de arte; é matriz inagotable de obras de arte».
CASTELAO DIXIT
Un ollo de vidro

Un ollo de vidro.
Memorias dun esquelete

1922
Narracións curtas ilustradas polo autor.
Creada como complemento para ler nunha exposición do álbum Nós en 1920 é o relato dunhas memorias escritas por un esquelete nun cemiteiro, que grazas a «aquel ollo de vidro que de nada me servía na vida, sírveme agora para mirar». Un estilo aparentemente moi sinxelo, pero moi coidado, desvela o humorismo do autor.
Imaxe por cortesía de Xabier Iglesias.

retrincos

Retrincos
1934
Narracións curtas ilustradas por Maside.
Narracións autobiográficas fiadas cronoloxicamente desde a infancia na Pampa arxentina, a mocedade de estuante en Compostela, a práctica efémera como médico ou o reencontro, xa deputado, con Sabela, a compañeira de bailes nas festas rianxeiras. Todo calculado para chegar a emocionar.
Imaxe por cortesía de Xabier Iglesias.

Cousas

Cousas
1926, 1929, 1934
Texto e ilustracións do autor.
El é o creador do microrrelato en galego (1918) e dun novo subxénero literario a «Cousa» (1920) no que conxuga o debuxo e a escrita nun texto ilustrado, de alta expresividade. Publicadas inicialmente na prensa, e outras inéditas, foron logo engrosando as sucesivas edicións baixo o título de Cousas. Reprodúcese a edición de Nós en 1929.
Imaxe por cortesía de Xabier Iglesias.

Os dous de sempre

Os dous de sempre
1934
Novela. Ilustracións do autor.
Nesta novela, a única do autor, constrúe cada capítulo como un relato independente, pero o libro conta a historia de dous personaxes antitéticos e, pola contra, amigos. Nesta narración defende a súa concepción dinamicista de 1931: a do equilibrio entre a forza simpática e a frénica.
Está dedicada aos mozos galegos.
Imaxe por cortesía de Xabier Iglesias.

Os vellos non deben de namorarse

Os vellos non deben de namorarse
1953
Teatro. Obra representada en Buenos Aires en 1941, con escenografía e máscaras do autor.
Comezada en Pontevedra en 1933 e remata no exilio en Nova York, entre 1938 e 1939, é «unha obra imaxinada por un pintor e non por un literato», no dicir do autor. Trátase dun teatro de máscaras en tres lances que presenta a tres personaxes vellos, namorados de tres mozas. Remata cun epílogo no que os tres vellos se reunen despois de mortos no cemiterio.

As cruces de pedra na Bretaña

As cruces de pedra na Bretaña
1930
Ensaio sobre a arte dos cruceiros bretóns. Ilustrado polo autor.
Castelao percorre a Bretaña en 1929 cunha bolsa de investigación e o resultado é esta obra coa que ingresa no Seminario de Estudos Galegos. «Non se podería falar dos nosos cruceiros sen ter visitado primeiramente a Bretaña, e alá fun».

As cruces de pedra na Bretaña 1930

As cruces de pedra na Bretaña
1930
Páxina con debuxos.

As cruces de pedra na Galiza

As cruces de pedra na Galiza
1950
Ensaio sobre a arte dos cruceiros galegos. Con numerosas ilustracións do autor.
O artista viña estudando os cruceiros galegos desde 1922. Esta monografía, rematada no exilio en 1946, será editada en 1950, no ano do seu pasamento, en Buenos Aires. Unha obra monumental, ao coidado de Luís Seoane. En 1934, Castelao ingresara na Real Academia Galega cun discurso con este mesmo título.

As cruces de pedra na Galiza 1950

As cruces de pedra na Galiza
1950
Páxina con ilustracións
Este libro de luxo edítase no exilio pola editorial Nós e co selo do extinto Seminario de Estudos Galegos, como unha homenaxe a súa xeración.