Estatutariamente a Fundación ten por obxecto estimular e favorecer a cultura galega en xeral e, en particular, o fomento das artes plásticas, etnografía, socioloxía, economía e política galegas, narrativa e teatro, campos nos que se distinguiu o xenio de Castelao. O medio de expresión será a lingua galega.

O desenvolvemento do obxecto fundacional poderá ser desenrolado directamente pola Fundación ou mediante colaboración con outros organismos ou entidades. Ademais, e de acordo cos programas concretos que, en cada caso, sexan aprobado polo Padroado, realizará, sobranceiramente, as seguintes actuacións:

  • a) Estudos, e a súa publicación, sobre a vida, obra e pensamento de Castelao.
  • b) Organización e celebración de cursos e seminarios, ben de xeito autónomo, ou ben en colaboración con universidades e outras institucións que teñan un amplo eco social.
  • c) Instauración e dotación de becas para os cursos e seminarios.

Dende un punto de vista mais xeral, un obxectivo principal consistirá en poñer en valor a capacidade analítica de Castelao, tanto no eido social como no político e cultural. A figura de Castelao viuse minguada pola preferencia, unhas veces inxenua e outras ben interesada, en presentalo só como caricaturista e debuxante. É esta unha visión rotundamente falsa que agocha o seu pensamento social e o seu liderado político e agocha, tamén, que é precisamente a traveso do debuxo como Castelao atopa o instrumento analítico dunha realidade que el coñece e reflexa con afouteza.

Esta capacidade analítica non a podemos esgotar nunha simple contemplación do pasado. Debemos, e esa é unha das tarefas mais engaioladoras da Fundación, proxectar a súa análise no presente, na Galicia de hoxe.