Acto do 9 de xaneiro en Bonaval

O día nove de Xaneiro tivo lugar, organizado pola Fundación Castelao, o acto de rememoración do pasamento de Castelao que se celebrou, coma tódolos anos, na igrexa de San Domingos de Bonaval, co seguinte programa:

1º Ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres.

2º Alocución do presidente.

3º Recital poético.

4º Intervención musical a cargo da agrupación Música Antiga 1500.

A ofrenda floral foi realizada polo presidente da Fundación Castelao e polo secretario xeral de Política Lingüística, acompañados polas representantes da Asociación do Traxe Galego, a máis veterana e a máis nova, que coma sempre nos acompañaron nesta celebración.

Na súa alocución o Presidente fixo fincapé nas arelas e desexos de Castelao e nos esforzos para acadar a realización desas arelas. Remarcou que aínda que tódalas nación necesitan do mito non se pode ficar espetado nesa idea: o mito non debe agachar unha realidade que, por veces, pode ser punxente. Por iso Castelao non admite unha Galicia fantasmagórica, chantada no recordo e na lembranza. Pola contra quere unha Galicia nación que non fique coxa, que faga fronte ás súas realidades e ós seus problemas. Unha Galicia que sexa quen a converter a súa existencia real nunha presencia política que lle permita tomar posición. Unha Galicia que en pé de igualdade sexa quen a encaneirar o seu futuro e, libremente, poida colaborar cos outros pero sempre tendo en conta os seus propios intereses.

A poetisa Luisa F. Rial emocionou os presentes co seu recital poético, lendo poemas referidos a Castelao e rematando co célebre poema de Darió Xoan Cabana.

Todo o acto foi musicalizado polo grupo Música Antiga 1500, que acompañou a ofrenda  coa “Cantiga de Santa María-Virga de Jesse. Espadelada de Penosiños”. Interpretou, durante o recital poético “A flor da lagoa” e “Coma  eu en día de Pascua”, adaptada por Ferreiro do Cunctipotens Genitor, rematando o acto coa “Foliada de Negreira”, todo elo utilizando instrumentos musicais que reproducen ós que figuran no Pórtico da Gloria.

20180109_171204 20180109_172019 20180109_172549 20180109-WA0008