Acto do 7 de xaneiro en Bonaval

O día sete de Xaneiro tivo lugar, organizado pola Fundación Castelao, o acto de rememoración do 69º cabodano do pasamento de Castelao que se celebrou na igrexa de San Domingos de Bonaval.

A ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres foi realizada polo presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e Xesús Palmou.

Deseguido, Carlos Mella dirixiuse aos asistentes nun emotivo discurso, no que salientou que "Castelao era un home esencial, dito no sentido de que sempre se apoiaba no esencial. Apreixaba a esencia das cousas, dos acontecementos, e amosábanos as liñas mestras da posible solución. Era quen de conxugar técnicas e saberes ofrecendo visións novas e comprensivas.

Así, non era escritor, pero deixounos COUSAS e RETRINOS, pezas clásicas da literatura galega. Non era autor teatral, pero a mellor obra de teatro galega, OS VELLOS NON DEBEN NAMORARSE, é da súa autoría. Non era antropólogo pero aí están as súas CRUCES DE PEDRA; e todo elo sen falar do seu dominio da pintura e caricatura, na que deixou pegada que o converten nun clásico. E para remate deixounos o galano inesquecible de SEMPRE EN GALICIA, que inda hoxe é roteiro seguro se se quere navegar polo proceloso mar da política galega".

Ao remate do acto tivo lugar unha intervención musical.

001002003

https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/homenaje-castelao-69-aniversario-muerte/idEdicion-2019-01-07/idNoticia-1157839/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2019/01/07/homenaxe-castelao-seu-cabodano/00031546884927571618520.htm